Enterro de videoxogos de Atari

Restos de produtos de Atari en Alamogordo

O enterro de videoxogos de Atari foi un soterramento masivo de cartuchos de videoxogos, consolas e computadoras nun vertedoiro de Novo México, levado a cabo pola compañía norteamericana Atari, Inc. no ano 1983. Entre os obxectos soterrados a crenza popular indicaba que se incluíran copias non vendidas de E.T. the Extra-Terrestrial, un dos maiores fracasos comerciais dos videoxogos e frecuentemente citado como un dos peores videoxogos da historia, así como cartuchos da adaptación do videoxogo Pac-Man para a Atari 2600, que si tivo éxito comercial pero recibira gran cantidade de críticas negativas.

Dende o momento en que a prensa deu a coñecer o enterro existiron dúbidas sobre a súa veracidade e alcance, facendo que habitualmente se desbotase o feito por considerarse unha lenda urbana. Porén, o evento converteuse nun símbolo cultural e nun recordatorio da crise norteamericana dos videoxogos de 1983, marcando a fin dun pobre ano fiscal para Atari, Inc., que acabaría sendo vendida pola súa empresa nai Warner Communications. Na crenza popular indicábase que dous millóns de copias de E.T. foran soterradas no vertedoiro, pero declaracións posteriores de empregados de Atari confirmaron que os números foran do arredor duns 700 000 cartuchos de varios títulos, incluíndo os de E.T.

No ano 2014 Fuel Industries, Microsoft e outras empresas traballaron xunto o goberno de Novo México para realizar unha escavación no sitio e validar os contidos do vertedoiro como parte dun documental titulado Atari: Game Over. O 26 de abril de 2014 a escavación revelou diversos cartuchos de xogos desbotados así como pezas de hardware. Só unha pequena fracción dos obxectos soterrados foron recuperados, uns 1300 deles, cunha parte destinada para a súa curación e o resto destinados a súa venda en poxa para recadar fondos para un museo que conmemorase o soterramento.


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy